----

Presentando en Zas un simposio que afonda nas iniciativas emprendedoras a partir do liño

“O liño e as iniciativas emprendedoras transformadoras; estratexia para un desenvolvemento sostible na Costa da Morte” é un encontro organizado polo Concello de Zas e o Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración da Universidade da Coruña, que pretende analizar todos os principais aproveitamentos socioeconómicos do liño. O simposio, presentado esta mañá en Zas nunha rolda de prensa, reunirá a especialistas do ámbito científico, económico e cultural pretende poñer de manifesto a relevancia do liño como motor de transformación económica e sostible, destacando o seu valor en sectores como o téxtil ou o agroalimentario. Terá lugar o sábado 31 de maio, no salón de actos do Centro Sociocultural de Baio (Zas).

O Alcalde, Manuel Muíño, resaltou durante a rolda de prensa a importancia deste encontro que atraerá a este municipio expertos en innovación e desenvolvemento sostible de primeiro nivel. “Intentarase que este simposio teña un pouso institucional e que o liño entre na axenda do I+d+i”, sinalou Jorge Mira durante a súa intervención. Este simposio, aberto ao público, pretende poñer en valor o liño, destacando o seu potencial para impulsar modelos económicos sustentables e innovadores no medio rural galego.

Programa
A xornada comezará cunha presentación institucional a cargo de Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Jorge Mira Pérez, membro do plenario da entidade; e Manuel Muíño Espasandín, alcalde de Zas. Após a inauguración, Carmen Cotelo Queijo, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), afondará na “Estratexia de Especialización Intelixente en Galicia” e o seu papel na xestión de recursos naturais e culturais baseados na innovación.

Seguiralle o relatorio do catedrático da USC Francisco Javier Sardina López, titulado “O liño: do pasado remoto a un futuro brillante”, que explorará as posibilidades do liño como recurso tradicional con proxección futura. Nuria Calvo Babío, catedrática da Facultade de Economía da UDC, que abordará “A importancia do emprendemento transformador no espazo rural galego”.

A continuación, celebrarase unha mesa redonda moderada polo alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín, na que participarán Carmen Riveiro, presidenta da Asociación de Amigos do Liño; Manuel Escourido Calvo, coordinador do Grao en Deseño Industrial de Moda da UDC; e Braulio Pérez Astray, director adxunto da Fundación Universidade da Coruña.
A xornada concluirá coa exposición das principais conclusións e a clausura oficial do evento.