“Apenas separados por un tabique non estou presente. Xa sei que as creacións do espírito non se adaptan á fronteiras da nación e que as obras de arte voan como os paxaros por enriba das fronteiras” así comeza a gravación de Castelao que se fixo nun disco de lousa para a presentación da obra “Os vellos non deben de namorarse” en Montevideo. Na mensaxe reivindica que as obras de arte levan impresas o cuño dunha nacionalidade e define que “foi imaxinada para regalía do pobo galego”. A peza acompáñase dun texto do membro do Arquivo Sonoro de Galicia, Xaime Estévez, que explica e contextualiza as fonopostais, que caracteriza como “un curioso procedemento promovido polo servizo de correos arxentino desa época”. As fonopostais foron moi populares en Arxentina a partir de 1939 e Estévez cita que, entre 1942 e 1943, circularon uns 200 mil discos a través deste sistema.
A representación que presenta Castelao estivo a cargo dun grupo de actores galegos integrantes da Compañía Galega Maruxa Villanueva, dirixida por Manuel Varela Buxán, quen contaron coa colaboración do intelectual ata no deseño da escenografía. Os actores que levaron adiante a estrea pertencían á emigración e foi a familia dun deles, a de Fernando Iglesias, "Tacholas" (Ourense, 1909 - Bos Aires, 1991), a que facilitou o depósito da “fonopostal” para o Arquivo Sonoro de Galicia e, polo tanto, para que formase parte do patrimonio cultural galego. “Esta “fonopostal” é, quizais, a máis relevante para a nosa cultura: primeiro, por ser o único rexistro gravado da voz de Castelao co que se conta hoxe en día e, despois, por condensar neses pouco máis de dous minutos frases e palabras que saen da súa cabeza pero tamén do seu corazón” apunta Estévez no seu texto.
Entregas anteriores
A principios deste mes de xaneiro o Consello da Cultura Galega puxo en marcha un espazo web no que se irán acubillando materiais que custodia a institución arredor da figuar de Castelao.. O primeiro deles foi “A primeira estatua a Castelao: unha historia da Transición”, que puña na rede documentación inédita sobre a primeira homenaxe a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao que tivo lugar en Rianxo, co gallo do 25º aniversario do seu pasamento. Este evento non só foi un pioneiro recoñecemento ao legado dun dos maiores símbolos da identidade galega, senón tamén unha demostración de resiliencia fronte aos obstáculos impostos polo réxime franquista. A través de documentación exhaustiva preservada, o especial deu a coñecer o complexo proceso de organización que implicou colaboración transatlántica, negociacións con autoridades e unha paixón compartida por honrar a memoria de Castelao. Con este especial o CCG abre o apartado específico no seu web no que concentrará materiais sobre o intelectual.