O ANTROPÓLOGO E SOCIÓLOGO MEXICANO HÉCTOR DÍAZ POLANCO INTERVIRÁ O DÌA 28 NO SEMINARIO “OS SENTIDOS DAS CULTURAS” CO RELATORIO “TESE SOBRE DIVERSIDADE, IDENTIDADE E GLOBALIZACIÓN”

O antropólogo social e sociólogo mexicano, Héctor Díaz Polanco, con 30 anos de experiencia docente e de investigación, intervirá o día 28 de xuño no seminario “Os Sentidos das Culturas”, organizado polo Consello da Cultura Galega, co relatorio “Tese sobre diversidade, identidade e globalización”. Díaz Polanco é profesor-investigador do Centro de Investigaciones y Estudios Superiores en Antropología Social (CIESAS) de México. Publicou 200 traballos científicos, incluíndo 10 libros como autor único e 50 libros en coautoría. É considerado un dos principais especialistas en temas étnicos e autonómicos de América Latina.
O seminario, coordinado polo profesor Ramón Máiz, contou ata o momento coas intervencións de Féliz Duque, Slavoj Zizek, Alberto Ruiz de Samaniego e Darío Villanueva.

A conferencia de Héctor Díaz Polanco terá lugar ás 17 horas na Biblioteca do Consello da Cultura Galega.

Por razóns de aforo prégase confirmar a asistencia a:
actividades@consellodacultura.org


Descargue o relatorio de Héctor Díaz Polanco en PDF.

O 21 DE XUÑO CONFERENCIA DE PEDRO ETXENIKE SOBRE “CIENCIA, CREATIVIDADE E CULTURA”, NA DOMUS-CASA DO HOME-A CORUÑA

Dentro do ciclo de conferencia CULTURA CONCIENCIA, Pedro Etxenike Landiríbar, catedrático de Fisica de Materia Condensada (Universidade do País Vasco) falará sobre CIENCIA, CREATIVIDADE E CULTURA o xoves, 21 de xuño ás 20 horas na Domus-Casa do Home (A Coruña).

O ciclo de conferencias, ao abeiro do Ano da Ciencia, foi organizado polo Consello da Cultura Galega e a Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación no marco das actividades do Programa de Comunicación e Sensibilización Social do Plan Galego de I+D+i 2006-2010 (IN.CI.TE).

Data.- Xoves, 21 de xuño de 2007

Lugar.- Domus-Casa do Home-A Coruña

Hora.-
20 h.

DARIO VILLANUEVA INTERVÉN O DÍA 29 DE MAIO NO SEMINARIO “O(S) SENTIDO(S) DA(S) CULTURA(S)”

O profesor Darío Villanueva, catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada e ex rector da Universidade de Santiago, intervirá o martes, 29 de maio, no seminario O(S) SENTIDO(S) DA(S) CULTURA(S), organizado polo Consello da Cultura Galega e coordinado polo profesor Ramón Máiz.

Darío Villanueva disertará e debatirá sobre o tema: A CULTURA: DA GALAXIA GUTENBERG Á GALAXIA INTERNET.

A sesión terá lugar a partir das 17 horas na Biblioteca do CCG.

Con anterioridade disertaron e participaron neste seminario Félix Duque, Slavoj Zizek e Alberto Ruiz de Samaniego.

Data.- 29 de maio

Hora.- 17 horas.

Lugar.- Biblioteca do CCG.

Descargue o texto da conferencia de Darío Villanueva en PDF

Alberto Ruiz de Samaniego fala sobre “Sentir doutra maneira. Unha lección nietzscheana sobre a arte e a cultura”

Terceira cita do seminario O(s) Sentido(s) da(s) Cultura(s). O profesor de Estética e crítico de Arte, Alberto Ruiz de Samaniego, reflexionará o xoves, día 19 de abril, a partir das 17 horas, no Consello da Cultura Galega, sobre SENTIR DOUTRA MANEIRA. UNHA LECCIÓN NIETZSCHEANA SOBRE A ARTE E A CULTURA”.

Data: Xoves, 19 de abril de 2007 ás 17 h.
Lugar: Biblioteca do Consello da Cultura Galega

Aquí pode descargar xa o seu relatorio en PDF

O conferenciante é doctor en Filosofía e magíster en Estética e Teoría das Artes pola Universidade Autónoma de Madrid e profesor titular da Universidade de Vigo.
É tamén o director do Pavillón de España na 52 Bienal de Arte de Venecia-2007 e exerce como crítico de arte en ABC-Cultural.
Publicou, entre outros, os seguintes libros: Maurice Blanchot: una estética de lo neutro (Universidade de Vigo, 1999), Semillas del tiempo (Deputación de Pontevedra, 1999), La inflexión posmoderna: los márgenes de la modernidad (Akal, 2004), James Casebere (Ed. Mímesis, Oporto, 2.005), Belleza de otro mundo. Apuntes sobre algunas poéticas del inmovilismo (Cendeac, 2005) e en colaboración con Miguel A. Ramos: La generación de la democracia. Nuevo pensamiento filosófico en España (Alianza/Tecnos, 2002). Colaborou coas seguintes revistas e publicacións: Arte y parte, Revista de Occidente, Lápiz, Sibila, Archipiélago, Anthropos, Sublime, Wart, El Urogallo, Creación, Diario 16, El Correo Gallego, Ars Mediterranea, Exit, etc. Actualmente exerce como crítico de arte en ABC
Cultural. Comisariou exposicións de Antón Lamazares e Manuel Vilariño, así como diversas colectivas de arte contemporánea (La Isla Futura: arte joven cubano, Arte y nihilismo, 5000 años de arte moderno). Asimesmo, tradutor de Maurice Blanchot (La bestia de Lascaux/El último en hablar, e El instante de mi muerte/La locura de la luz, en Tecnos) así como de Jean Christophe Bailly (La llamada muda. Ensayo sobre los iconos de El Fayum, ed. Akal).

O OLFATO DO POSIBLE

En relación coa súa conferencia, Alberto Ruiz de Samaniego enfoca así a súa reflexión sobre a verdade da obra de arte:
“O que adoita esquencerse hoxendía é que a verdade dunha obra de arte debe interpretarse e valorarse segundo as forzas e o poder que a determinan a existir, e que levan a facer unha cousa en vez de outra. Robert Musil determina que unha das características básicas do artista é o olfato do posible. Esto podería entenderse como o modo en que é capaz de rastrear dentro do habitual o multiparamétrico e complexo, a súa competencia para plantexar outras posibilidades, conexións e viaxes dentro do mapa cognitivo. Por eso, cando se nos fala da obra de arte en abstracto, ou do artístico tal como é en sí, ou para sí, sempre debemos preguntar qué forzas se ocultan no pensamento da obra, ou sexa: cál é o sentido e cál é o seu valor para un suxeto, ou para unha comunidade dada. Un debe, pois, enfrontarse coa complexidade da peza, de modo que esta sexa quen de religarse cos contidos múltiples da referencia vital. Eso significaría xenerar órganos de percepción que iluminaran novos campos sensacionais do real, que nos permitira, dun modo experimental, extraer probas de novas conexións, símbolos e relatos. Ao artista háselle esixir, xa que logo, a creación de novas posibilidades de vida”.

E engade aínda: “Dentro de calquer acto cultural hai unha múltiple coexistencia de forzas, moi a miúdo ocultas por un exceso de xerarquización ou polos hábitos normalizados e normativos de tratar coas sensacións. Existen nesa mulitplicidade de potencias ás que nos enfrontamos como obxecto tantas posicións como capacidades de discernimento sobre elas sexamos quen de definir”.

Tolerancia multicultural como ideoloxía, o relatorio de Slavoj Zizek

Slavoj Zizek, teórico político e crítico cultural, intervirá o día 9 de marzo, a partir das 17 horas, no seminario interdisciplinar “Os sentidos das Culturas” organizado polo Consello da Cultura Galega e coordinado polo profesor Ramón Máiz. A reflexión de Zizek versará sobre TOLERANCIA MULTICULTURAL COMO IDEOLOXÍA.

Versión actualizada do relatorio presentado por Slavoj Zizek despois da súa conferencia no Consello da Cultura Galega en PDF (inglés)

Descargue a intervención en PDF (inglés)

Descargue a intervención en PDF (galego)

Félix Duque: O neohumanismo da non cidade

felix_duque.jpg

Presentamos aquí o audio da primeira media hora da intervención de Félix Duque na Biblioteca do Consello da Cultura Galega. Poden consultar o seu relatorio no noso apartado de materiais.

O Consello da Cultura inicia mañá os foros de debate coa primeira sesión sobre “O(s) Sentido(s) da(s) Cultura(s)

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2007.- Os seminarios de reflexión e debate serán algunhas das actividades que o Consello da Cultura Galega (CCG) promoverá e potenciará ao longo deste ano e o primeiro, referido a O(S) SENTIDO(S) DA(S) CULTURA(S), dirixido polo profesor Ramón Máiz, foi presentado públicamente hoxe.
A sesión inicial deste foro terá lugar mañá, martes, día 5, a partir das 16´30 horas, na Biblioteca da institución e terá como primeiro relator a Félix Duque, catedrático de Filosofía na Universidade Autónoma de Madrid, que reflexionará sobre “O neohumanismo da non cidade”. Ramón Villares, Presidente do CCG, salientou a aposta da institución por este formato e aludiu á necesidade de “desenvolver un debate aberto e plural protagonizado por quen tiveron a oportunidade de coñecer previamente o relatorio; convidamos para elo a un grupo de expertos, estudiosos e investigadores, sin que eso supoña exclusión algunha”.

O director do seminario, Ramón Máiz, membro do Plenario do CCG e catedrático de Ciencias Políticas e da Administración da Universidade de Santiago, subliñou que o foro proponse “abordar os debates e investigacións mais recentes arredor das plurais nocións e prácticas da Cultura en ámbitos tan diversos como a Filosofía, a Antropoloxía, a Arte, a xestión cultural, os estudios culturais ou as políticas do multiculturalismo, entre outros temas”.

Os debates terán periodicidade mensual e contarán co protagonismo de profesores e investigadores tan relevantes como Slavoj Zizek (9 de marzo); Alberto Ruiz de Samaniego (abril); Francisco Jarauta (3 de maio); Héctor Díaz Polanco (xuño); Massimo Cacciari (outubro) e, ainda sen data, John Keane, Darío Villanueva e José Antonio Fernández Rota.