Anuario de Estatísticas Culturais

O Anuario de Estatísticas Culturais é o principal producto do Observatorio da Cultura Galega. Este anuario recolle as principais magnitudes estatísticas sobre o sector cultural en Galicia, procedentes das diferentes fontes de información dispoñibles anualmente.

Trátase dunha actividade estatística de síntese que compila os diferentes datos existentes sobre o sector cultural para o caso galego, estructurándoos de xeito que podan ser comprensibles e útiles para os diferentes actores do sistema cultural e para o conxunto da sociedade galega en xeral.

O obxectivo central é fornecer unha base de coñecemento cuantitativo sobre a situación do sector cultural en Galicia, de maneira que permita dispor dun panorama xeral sobre o sector cultural anualmente, coñecer a evolución das principais variables e posibilitar a comparabilidade territorial (especialmente cos datos referidos ao conxunto de España ou de outras comunidades autónomas).

O presente informe vai ser o primeiro dunha serie que disporá de periocidade anual; neste sentido, outro obxectivo implícito é servir como base comparativa para coñecer a evolución da dinámica cultural galega en anos posteriores. Os Anuarios deberán permitir, en certa medida, a análise e seguimento do sistema cultural galego.
O conxunto do Informe está constituído por estatísticas descritivas, así como por indicadores estandarizados que nos permiten ponderar a información estatística e facilitar a súa comparabilidade.

O anuario está organizado en 2 grandes bloques: un recolle as dimensións transversais que se analizan de forma agregada (gasto público en cultura, emprego cultural, educación, etc.); e outro coincide coas áreas dos subsectores culturais (patrimonio, arquivos, artes visuais, etc.).

Neste proxecto colabora a Consellaría de Cultura e Deporte, como responsable executivo máximo das políticas culturais galegas, e o Instituto Galego de Estatística (IGE), como o organismo encargado de promover o desenvolvemento estatístico de Galicia. Coas dúas entidades asinouse un convenio específico.

Documento co informe completo

Consulte o informe completo en pdf aquí.