|
O CONSELLO
DA CULTURA GALEGA E O CLUB INTERNACIONAL DE PRENSA DE GALICIA ORGANIZAN
UNHA XORNADA SOBRE OS CAMBIOS QUE INTERNET PROVOCA NO MUNDO DA CULTURA
Santiago
de Compostela, 23 de novembro de 2006. Analizar a repercusión
e os cambios que Internet e as novas tecnoloxías dixitais
están a provocar no mundo da cultura é o obxectivo
da xornada "Cara a unha cultura 2.0. Xornada sobre novas tecnoloxías
e creación cultural" que organizan a Sección
de Comunicación do Consello da Cultura Galega e o Club Internacional
de Prensa da Secretaría xeral de Comunicación da Xunta
de Galicia en colaboración co Observatorio da Cibersociedade.
A xornada desenvolverase o martes 28 de novembro de 2006, ás
19:00, no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega. A
xornada é unha das actividades presenciais que se realizan
en diferentes cidades do mundo enmarcadas dentro do congreso virtual
"Coñecemento Aberto. Sociedade Libre" que organiza
o Observatorio da Cibersociedade entre novembro e decembro. As outras
cidades son Madrid, Barcelona e México D.F.
Internet e a
tecnoloxía dixital están provocando importantes cambios
na concepción e na produción da cultura: produtos
que se difunden ao mesmo tempo que se crean, tecnoloxías
que se unen e evolucionan en función do novo contido, proxectos
que se escriben de xeito colectivo entre creadores anónimos
ou separados entre si. Neste novo contorno, o código fonte
e o software estanse a converter nunha parte máis do produto
cultural e novas voces e axentes culturais novos xorden directamente
desde a propia Internet sen ter en conta as tradicionais redes de
visibilidade da cultura. Parafraseando á xa coñecida
acepción de "web 2.0", coa que se coñece
a fase actual na que se atopan moitos dos produtos de Internet,
o título da xornada busca sinalar tamén que a cultura
tamén está influído por estes cambios.
Un programa
de expertos
A xornada será inaugurada ás 19:00 por Xosé López, coordinador da Sección de Comunicación do CCG, e Manuel José Fernández Iglesias, director Xeral de Comunicación audiovisual, da Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia. De seguido, haberá unha mesa redonda titulada “Cultura 2.0 en Galicia” na que tres expertos en software libre, sociedade da información e creación cultural falarán sobre os cambios que Internet e o software libre crean na nosa forma de facer cultura. Roberto Brenlla, economista e presidente de AGNIX, Juan Freire, profesor da Universidade da Coruña, investigador da Sociedade da Información e autor dun coñecido blog sobre a sociedade e o coñecemento abertos (nomada.blogs.com), e Horacio González, membro do equipo de escoitar.org, un innovador proxecto que publica en Internet paisaxes sonoras de Galicia enviadas polos usuarios.
De seguindo, ás 20:00 h., haberá unha conferencia
do enxeñeiro brasileiro Marcelo d'Elia Branco sobre Sociedade
da Información e Cultura. Branco é un dos máis
recoñecidos expertos internacionais en software libre e coñecemento
aberto. Marcelo D'Elia Branco, reflexionará sobre os cambios
que o software libre trae ao novo escenario da Sociedade da Información.
O conferenciante é consultor de tecnoloxía para a
Sociedade da Información, traballando para a Generalitat
de Catalunya. É articulador do Proxecto Software Libre Brasil.
Foi Consultor do Presidente brasileiro Lula da Silva para a articulación
da Sociedade Civil nos temas da Sociedade da Información.
A asistencia á xornada é gratuíta e non precisa
inscrición previa.
|