----

17-N.- Xornadas de avaliación crítica dos recursos destinados ao estudo dos efectos da marea negra do “Prestige”

A Aula Magna da Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela acollerá mañá xoves 17 de novembro unhas xornadas de avaliación dos efectos da marea negra do “Prestige”, catástrofe ocorrida en novembro de 2002. O programa, organizado polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa USC, incluirá a presentación do libro “Recursos en I+D+i dedicados ao estudo dos efectos da vertedura do Prestige (2003-08). Avaliación e xuízo critico”, coordinado por Victoriano Urgorri e Marcos P. Señarís, e realizado por iniciativa da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade, que no Consello da Cultura Galega coordina o profesor Francisco Díaz-Fierros.

No libro, recompílase a relación, o máis completa posible, dos diferentes proxectos de investigación realizados sobre a marea negra do “Prestige”. Cada Investigador Principal (IP) enviou un resumo das conclusións finais do proxecto, as referencias bibliográficas dos artigos, libros, capítulos de libro e comunicacións a congresos derivados total ou parcialmente do proxecto e, ademais, a referencia de informes, teses de doutoramento e de licenciatura, traballos de investigación tutelados (TITs), traballos académicamente dirixidos (TADs), traballos de fin de máster (TFMs), proxectos de fin de carreira (PFCs), etc.

En cada un dos PTs, definidos no PIC da Acción Estratéxica do antigo MCyT, se encadraron os proxectos correspondentes e un relator experto realizou unha análise transversal que precede ao correspondente capítulo de cada PT e que presentarán nestas Xornadas, en sesións de mañá e tarde.

Destes relatores, cinco pertencen ás Universidades de Galicia: Federico Vilas Martín, Elsa Vázquez, Albino Prada, María X. Vázquez e Victoriano Urgorri, dous ao IEO de Vigo, Juan José González e Juan Bellas Bereijo, outros dous ao CSIC, Beatriz Morales-Nin e Fiz Fernández Pérez, e un a Universidade do País Vasco, Ionan Marigomez Allende.

O acto de apertura (ás 10,30 horas) será presidido pola Decana da Facultade de Bioloxía da USC, Mª Luz González Caamaño, xunto cos profesores Francisco Díaz-Fierros Viqueira e Victoriano Urgorri.

O acto de Clausura será ese mesmo día ás 19 horas e nel intervirán o Reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares, o Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, o coordinador da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade, Francisco Díaz-Fierros e Victoriano Urgorri, membro da Sección e coordinador das Xornadas.