----

A militancia falangista de Álvaro Cunqueiro polarizou o Faladoiro de Pontevedra e as intervencións de Alonso Montero, Xosé Fortes, Luís Cochón e Olivia Rodríguez

"Non se pode ser infinitamente indulxente co comportamento do cidadán Cunqueiro entre o 20 de xullo de 1936 e o ano 1950", sostivo Xesús Alonso Montero diante de Xosé Fortes, máis propenso á "indulxencia fronte ás debilidades humanas". O Cunqueiro militante da Falange, ao servizo do Franquismo, foi o argumento do Faladoiro "Os intelectuais galegos e o Franquismo", organizado polo Consello da Cultura Galega e celebrado onte no Sexo Edificio do Museo de Pontevedra e no que participaron tamén Luís Cochón e Olivia Rodríguez. O acto foi seguido por setenta persoas.


Para o profesor Alonso Montero non pode haber indulxencia con quen "puxo o seu talento e a súa retórica ao servizo dunha causa inxusta e criminal: o Franquismo". Por eso Álvaro Cunqueiro, "ao que considero un xenio, pero menor, plantéxame moitos problemas", afirmou.
Nun tono diferente expresouse o historiador Xosé Fortes nunha intervención que percorreu a biografía do escritor e na que se amosou "indulxente coas debilidades humanas".
Pola súa parte, o profesor Luís Cochón recordou que a biografía de Cunqueiro está por escribir e citou a Julio Caro Baroja, que situaba ao mindoniense "caído en el surco de los vencidos". "É a primeira vez que recibe a consideración de vencido", dixo.
A profesora Olivia Rodríguez falou de Cunqueiro como intelectual ao servizo da "Nueva España" e aludiu á traxectoria do primeiro Cunqueiro e á súa relación co Falangismo.
O acto foi presentado por Rosario Álvarez, vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, que recordou que era o noveno Faladoiro dun ciclo de once, que percorreron cidades e vilas galegas xunto con Madrid e Barcelona. Os dous últimas celebraránse en Ferrol (3 de novembro) e Vigo (1 de decembro).
A deputada provincial Begoña Estévez fixo a salutación inicial e agradeceu a oportunidade de acoller o Faladoiro.
A sesión reuniòn a setenta persoas, entre as que se encontraban o director do Museo de Pontevedra, José Carlos Valle Pérez, e o xerente do Consello da Cultura Galega, Marcelino Fernández Santiago.