----

Os XIII Encontros para a Normalización apuntan a necesidade dun novo impulso do papel dos concellos e a recuperación do consenso lingüístico

Os Servizos de Normalización Lingüística, aínda sen a coordinación debida, chegan ao sesenta por cento do poboación galega, pero sería necesario un novo impulso do papel dos concellos na promoción do idioma.

Tamén axudaría a recuperación do consenso básico en materia lingüística, o que non parece doado á vista do exposto polos representantes dos tres grupos parlamentarios no curso dos XIII Encontros para a Normalización Lingüística organizados polo Centro de Documentación Sociolingüística do Consello da Cultura Galega. Ás sesións de traballo, que ocuparon dous días e reuniron a cento vinte profesioonais e investigadores, concluíron hoxe na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago.

A volta ao consenso básico en materia lingüística é un obxectivo que comparten, desde diferentes análises e puntos de partida os tres grupos parlamentarios. Así o puxeron de manifesto na mesa redonda “Que facer desde os concellos para a promoción do glaego? celebrada esta tarde coas intervencións de Hermitas Valencia (BNG), Román Rodríguez (PP) e Francisco Cerviño (PS de G-PSOE).

Para o socialista, que fixo súa a proposta presentada no seu dìa polo Consello da Cultura Galega, o consenso pasaría polo Plan Xeral de Normalización. O popular aludiu a diferentes enfoques sobre o tema, pero recordou que hai menos diferenzas fondas do que parece. A representante do BNG fixo fincapé no feito de que o consenso básico preexistente foi finiquitado polas disposicións do PP. Na necesidade do consenso hai acordo. Os problemas aparecen ao falar das condicións e do xeito de facelo.

Os Encontros subliñaron, en calquera caso, a necesidade de avanzar no proceso normalizador da man de prácticas marcadas pola transversalidade, a coherencia e a coordinación. Así o indicou Nel Vidal ao presentar o informe “Análise da acción política no ámbito municipal”, elaborado polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia.

A sesión de hoxe comezou co relatorio “A promoción do galego como política pública” a cargo do politólogo Xosé Luís Barreiro Rivas e rematou cunha mesa redonda sobre “O galego na Administración de Xustiza”.

No espazo “Proxecta”, oferta de recursos para a promoción do galego, Rosario Pérez Magdalena (CDSG) presentou unha “Historia gráfica da normalización lingüística” e deuse a coñecer o portal www.linguagalega.tv

Coordinados por Susana Mayo e Henrique Monteagudo, os XIII Encontros para a Normalización Lingüística contaron coa colaboración da Coordinadora de Traballadores e Traballadoras da Normalización da Lingua e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.