----

O Consello da Cultura Galega utilizará o dominio .gal a partir do 25 de xullo

O vindeiro 25 de xullo comezan a estar operativos os dominios .gal para as entidades acollidas ao Programa Pioneiros que convocou a Asociación puntoGal. O Consello da Cultura Galega forma parte dese programa, alén do compromiso coa iniciativa desde os seus inicios, e desde ese día comezará a empregar o dominio .gal no seu web corporativo.

O Consello da Cultura Galega é consciente da necesidade de ter un identificador propio para a lingua e a cultura de Galicia. Por ese motivo, formou parte activa do movemento en prol do dominio .gal e será das primeiras entidades en pasar a empregalo no seu sitio web. Así, consellodacultura.org pasa a ser consellodacultura.gal desde o vindeiro 25 de xullo.

Tal e como establece a Asociación puntoGal no seu web: “O .gal é o dominio que debe correspondernos como comunidade con fortes vencellos lingüísticos, culturais, históricos, sociais..., unha especie de sufixo co que identificar en Internet as páxinas escritas en galego e que se dirixan á sociedade galega nas súas comunicacións en liña que, tendo en conta a nosa dispersión no mundo, non se circunscriba a un ámbito territorial concreto. Tecnicamente viable e económica, social, lingüística e culturalmente rendible, o .gal encádrase nos dominios de primeiro nivel esponsorizados”.

Fases de implantación
A Asociación PuntoGal, que promoveu a iniciativa e xestiona o dominio, estableceu diferentes fases para garantir un funcionamento e estabilidade do sistema. A primeira etapa, chamada Programa Pioneiros, no que se circunscribe o Consello da Cultura Galega, entrará en funcionamento o vindeiro 25 de xullo.
Despois estará a fase de lanzamento, que se desenvolverá entre setembro e novembro, e que ten dous procesos: dunha banda, o Abrente ou Sunrise para entidades públicas e privadas e, da outra, o Carreira ou Landrush, para dominios sen prioridade de especial interese. A partir de decembro, a solicitude do dominio punto gal é aberta a todo o público.

Foi en xuño de 2013 cando o ICANN (en galego Corporación de Internet para a Asignación de Nomes e Números) aprobou a creación de novos dominios de primeiro nivel, entre os que se atopaba o .gal.