----

O Consello da Cultura Galega amosa a exposición Os Adeuses na localidade portuguesa de Fafe

Os Adeuses é a exposición que amosa, a través da ollada do fotógrafo Alberto Martí, os últimos momentos da emigración galega cara a América nos anos cincuenta. A mostra, elaborada polo Consello da Cultura Galega (CCG) e o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), continúa o seu periplo polo exterior e fai recalada en Fafe (Portugal). Ramón Villares, presidente do CCG, e Raul Cunha, presidente da Câmara Municipal de Fafe, inaugurarán este xoves (ás 16:00, hora portuguesa) a exposición, que estará aberta na Galería Municipal da Casa da Cultura ata finais de agosto.

Na Galería Municipal de Fafe poderase ver unha versión composta por 51 imaxes divididas en tres seccións: “A partida”, centrada nos retratos dos emigrantes a piques de marchar; “A chegada”, na que se amosan os encontros dos retornados; e “Santa María”, que toma o nome do coñecido transatlántico e na que se pode seguir o ollar dos secuestrados e mais dos seus familiares cando se atopan no porto de Vigo. A maior parte destas imaxes permaneceran ata o momento inéditas e supoñen unha primeira achega ao arquivo fotográfico de Alberto Martí, que, segundo o propio fotógrafo recoñeceu, está composto por millóns de negativos, froito de anos e anos de carreira.

A exposición exhibiuse por primeira vez na Coruña no ano 2010. Desde alí iniciou unha itinerancia por Galicia que a levou a diferentes espazos das localidades de Vigo, Santiago de Compostela, A Pobra do Caramiñal, Ferrol e Ourense. De xeito paralelo, a mostra ten un percorrido internacional xa que estivo en Montevideo, nas cidades arxentinas de Bos Aires, Rosario, Villa Gese, e na cidade de Santos no Brasil. Actualmente unha versión reducida desta mostra está en Salvador de Baía.

A exposición na liña de traballo do CCG
O Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega mantén co Museu da Emigração e das Comunidades de Fafe unha relación alongada no tempo, que se concreta na participación e asistencia a actividades conxuntas. Entre elas destaca a presenza no Encontro Internacional: Emigração, Arquivos e Memória, que tivo lugar nesta localidade portuguesa en 2008. Ademais, ambas as entidades son membros da Association of European Migration Institutions.
Accións coma esta insírense nunha liña de traballo desenvolvida polo Consello da Cultura Galega de fomentar unha relación estratéxica co mundo lusófono, no marco das súas actividades de acción exterior, a través das que proxecta a imaxe da cultura galega no exterior.