----

Unha xornada destaca a relevancia que tivo Valle-Inclán no exterior

A diferenza de moitos outros autores coetáneos, o legado e a figura de Ramón María del Valle-Inclán tivo moita relevancia a nivel internacional en vida do autor. Así o constataron os diferentes relatores na xornada “A difusión internacional da figura de Ramón María del Valle-Inclán no seu tempo” que se desenvolve no Consello da Cultura Galega (CCG). E sobre esa idea tamén incidiron Ramon Villares, presidente do CCG e Juan Viaño, reitor da Universidade de Santiago, no marco da inauguración desta sesión que conclúe no serán, coa apertura dunha exposición no Claustro Alto de Fonseca sobre esta dimensión internacional.

“Non tivo a sona doutros coetáneos pero si se gardaron numerosas conexións e actividades que se manifestaron moito despois” explicou Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, no marco da inauguración desta xornada que, na súa opinión “servirá para dar conta dun trazo orixinal e amosar unha das grandes figuras literarias do século XX”.

Rosario Álvarez, vicepresidenta do CCG quixo destacar ese impacto internacional no que supuxo para a difusión da cultura galega. “Son as traducións e a difusión feita en vida do autor as que contribuíron a dar a coñecer o ideario e imaxinario da cultura galega”.

O seminario
Margarita Santos Zas, directora da Cátedra Valle-Inclán, foi a primeira relatora do seminario e destacou a relación e a relevancia que o escritor arousán tivo no estranxeiro, nomeadamente no caso de Francia. “Foi o ámbito francés o primeiro en introducir a figura de Valle-Inclán” dixo, no transcurso da súa intervención. Nela debuxou o perfil dun escritor que revisaba persoalmente os seus contratos, grazas á documentación e inéditos que garda a súa familia. Ademais, describiu a súa francofilia, moi aireada polo escritor e que se veu condicionado por un feito persoal como foi a visita da fronte da guerra aliada no marco da Primeira Guerra Mundial. Na súa opinión, “a obra de Valle-Inclán pode escandalizar, facer rir ou subxugar onte, hoxe e mañá e en calquera lingua”.

Foi Javier Serrano Alonso, da Universidade de Santiago de Compostela, que contribuíu a ofrecer a relevancia do intelectual, sobre todo das traducións que se fixeron das súas obras na República Checa, en Holanda e noutros países de Europa do Leste. No seu relatorio destacou a relación do escritor con Rusia. “Ningún país convidou nunca a Valle-Inclán como Rusia, polo que sentía moito interese, pero que nunca puido chegar a visitar” apuntou.

A sesión continúa pola tarde, cando Rosario Mascato incidirá no perfeccionismo e no virtuosismo lingüístico así como no celtismo e no atlantismo como características diferenciais da literatura de Valle-Inclán que motivaron a súa tradución a nivel internacional. Canda ela, Dru Dougherty, profesor da Universidade de California, en Berkeley, centrará a relación de Valle-Inclán cos Estados Unidos, que se inicia en 1921 coa viaxe a Nova York. Dougherty é un bo coñecedor da obra do escritor, porque sobre el fixo a súa tese de doutoramento hai máis de dúas décadas. Pode ser considerado un verdadeiro pioneiro en Bulgaria.

A exposición
Como colofón da xornada, o Claustro Alto do Colexio de Fonseca acollerá a inauguración da exposición Outros verbos, novas lecturas: Valle-Inclán traducido [1906-1936], que pretende dar conta da dimensión internacional desta figura.

Son catorce paneis que pretenden exhibir os múltiples lazos de Valle-Inclán no mundo saxón (Estados Unidos e Reino Unido), en Europa (Francia, Portugal e Italia), Europa do Leste (foi moi coñecido grazas ao esforzo de diversos hispanistas que o traduciron). A obra de Valle-Inclán foi traducida ao sueco, romanés, portugués, polaco, letón, italiano, islandés, inglés, húngaro, holandés, búlgaro, checo e francés.

A exposición estará aberta ao público no Claustro Alto do Colexio de Fonseca ata o 26 de setembro.