----

O Consello da Cultura afonda no Valle-Inclán menos coñecido cun seminario e cunha mostra

O presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño, inaugurarán mañá no CCG unha xornada destinada a dar a coñecer a faceta máis internacional de Ramón María del Valle-Inclán. Un seminario (A difusión internacional da figura de Ramón María del Valle-Inclán no seu tempo) e unha exposición (Outros verbos, novas lecturas: Valle-Inclán traducido [1906-1936]) son as actividades previstas para achegarse ao perfil poliédrico deste creador tendo en conta esta nova lectura.

Son varios os motivos que levaron a facer esta revisión da figura e do legado de Ramón María del Valle-Inclán. Co gallo da Primeira Guerra Mundial, o escritor visita a fronte de guerra franco-alemá, e comeza a incrementar a súa presenza internacional. Ademais, isto compleméntase co feito “de que a hoxe en día hai cun corpus novo de materiais cos que analizar a figura de Valle-Inclán en dúas claves: interna e externa”, en palabras de Rosario Mascato, comisaria da exposición que se inaugura ese mesmo día da xornada.

Para conectar a faceta galega coa internacional contarase coa participación de diferentes expertos na figura deste intelectual.

Dunha banda, Margarita Santos Zas, directora da cátedra Valle-Inclán, que ofrecerá unha idea xeral da documentación existente sobre o creador, pero tamén da relación de Valle-Inclán con Francia. Doutra banda, Javier Serrano Alonso, da Universidade de Santiago de Compostela, ofrecerá unha visión máis descoñecida do intelectual, sobre todo das traducións que se fixeron das súas obras na República Checa, en Holanda e noutros países de Europa do Leste.

Pola tarde, Rosario Mascato incidirá no perfeccionismo e no virtuosismo lingüístico así como no celtismo e no atlantismo como características diferenciais da literatura de Valle-Inclán que motivaron a súa tradución a nivel internacional.

Por último, Dru Dougherty, profesor da Universidade de California, en Berkeley, centrará a relación de Valle-Inclán cos Estados Unidos, que se inicia en 1921 coa viaxe a Nova York.

Valle-Inclán: a exposición
Como colofón da xornada, o colexio de Fonseca acollerá a inauguración da exposición Outros verbos, novas lecturas: Valle-Inclán traducido [1906-1936], que pretende dar conta da dimensión internacional desta figura.
Son catorce paneis que pretenden exhibir os múltiples lazos de Valle-Inclán no mundo saxón (Estados Unidos e Reino Unido), en Europa (Francia, Portugal e Italia), Europa do Leste (foi moi coñecido grazas ao esforzo de diversos hispanistas que o traduciron). A obra de Valle-Inclán foi traducida ao sueco, romanés, portugués, polaco, letón, italiano, islandés, inglés, húngaro, holandés, búlgaro, checo e francés.