----

O Consello da Cultura difunde o Sempre en Galiza cun acto institucional e varias accións polo 70 aniversario

O vindeiro mes de xullo cúmprense 70 anos do banquete en que Alfonso R. Castelao presentou en Bos Aires a súa obra cimeira, Sempre en Galiza. Unha efeméride que o Consello da Cultura Galega celebrará o 4 de xullo cun acto institucional no Parlamento de Galicia e varias accións divulgativas (lecturas colectivas, unha aplicación para dispositivos móbiles, un spot promocional e un sitio web conmemorativo). Estas medidas teñen, en palabras de Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, “o obxectivo de incentivar un mellor coñecemento e investigación da obra de Castelao”. Canda el, estaba presente Carlos Mella, presidente da Fundación Castelao, colaboradora da iniciativa, e Víctor Freixanes, director da Editorial Galaxia, coeditor da aplicación que ofrecerá unha versión dixital aumentada do texto.
O Consello da Cultura difunde o <i>Sempre en Galiza</i> cun acto institucional e varias accións polo 70 aniversario

Sempre en Galiza é un libro, pero tamén é un texto que pode ser comentado, twitteado, retwitteado e difundido de múltiples formas” apuntou Ramón Villares na rolda de presentación das diferentes accións encamiñadas a dar a coñecer esta obra. Unha proposta que conta coa colaboración da Fundación Castelao, cuxo presidente, Carlos Mella, destacou a súa pertinencia porque “Castelao cítase moito pero non sempre se entende ben e invéntase un Castelao para cada ocasión”. Foi Víctor Freixanes, director da editorial Galaxia, quen situou a obra no seu contexto. “É un dese libros de referencia que marcou a varias xeracións” incidiu Freixanes ao tempo que destacou que “pouco libros tiveron tanta influencia política e emocional” . Ademais, o director da editorial Galaxia fixo referencia ao carácter poliédrico da obra, que “pode ser un libro de memorias, de pensamento político, pero sobre todo é un libro de aposta de futuro e de propostas que segue a ter unha dimensión mobilizadora”.

Un acto institucional e varias accións de difusión
Co gallo do 70 aniversario da primeira edición da publicación, terá lugar no Parlamento de Galicia un acto institucional o vindeiro 4 de xullo. Alí, Xusto García Beramendi, Ramón Máiz e Henrique Monteagudo, responsables da edición crítica do texto que editou o Parlamento en 1992, explicarán o significado da obra. Nese acto terá lugar unha lectura colectiva de varios extractos e servirá de mostra das lecturas realizadas por personalidades galegas ou descendentes de galegos que viven fóra de Galicia, como son Miguel Cabanela, prestixioso traumatólogo; Nadia Calviño, directora xeral de presupostos da Comisión Europea, ou Francisco Lores, presidente da Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires.

Outra das iniciativas é a edición dixital aumentada do texto. Unha app para tablets e móbiles Apple e Google Android, de descarga gratuíta, editada polo Consello da Cultura Galega e a editorial Galaxia, coa colaboración do Parlamento de Galicia e da Universidade de Santiago de Compostela. A app contén o Sempre en Galiza completo e numerosos contidos adicionais, como estudos sobre o proceso de creación e documentación da obra, materiais adicionais, biografías de Castelao, fotogalerías, vídeos, etc.
Todo estes contidos están a disposición dos usuarios no web conmemorativo preparado especificamente para a ocasión e que estará operativo a partir do vindeiro 4 de xullo.

As actividades de difusión arrincaron o pasado 20 de maio cunha acción encamiñada a difundir a obra de Castelao nas redes sociais. Co hashtag #sempreengz todos os días, a través do twitter do Consello da Cultura Galega (@consellocultura) e de culturagalega.org (@culturagalega), así como do Facebook das dúas webs, ofrecemos unha escolma de frases extractadas da obra para facilitar o seu coñecemento e que se difunden a máis de 15 000 persoas.