----

As xornadas Arte+Pintura rematan ofrecendo unha radiografía da diversidade pictórica

O Consello da Cultura Galega acolleu durante dous días unha xornadas que serviron para ofrecer unha radiografía da diversidade da pintura a día de hoxe. Artistas, investigadores, comisarios e críticos explicaron e exemplificaron durante dous días a diversidade, a evolución da pintura nas últimas décadas. María Luísa Sobrino e Almudena Fernández coordinaron estas xornadas tituladas “Arte+Pintura”, actividades organizada pola sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega.
As xornadas Arte+Pintura rematan ofrecendo unha radiografía da diversidade pictórica

Durante dous días os creadores visuais e investigadores aproveitaron as súas intervencións para ofrecer as súas propias experiencias persoais coas que expuxeron unha visión persoal da pintura. Como tónica xeral, todas as intervencións consideraron a vixencia dun xénero considerado desde un punto de vista amplo, que linda con outros xéneros e formatos e que sufríu unha transformación desde os anos noventa. Para a artista Miren Doiz (Pamplona, 1980) a pintura é híbrida (fotografía, escultura, instalación) expandida (que cuestiona os límites) e efémera (sen vontade e posibilidade de permanencia). Noutros, como Daniel Verbis (León, 1968), “a definición da pintura non debería de apelar ao que non é: cómpre distinguir entre as artes plásticas estáticas e dinámicas”.

“Con pintura ou sen ela”, a segunda xornada
Na segunda das xornadas, Gloria Picazo (Barcelona, 1950) e David Barro(Ferrol, 1974), ofreceron a súa visión como comisarios de exposicións que teñen posto o foco nesta categoría artística. No seu caso, Picazo fixo un percorrido polos pintores que marcaron unha ruptura coa tradición, buscando outros modos de pintar e outros materiais, de xente que marcou a diferenza na pintura. Novos materiais, e novos soportes que buscaban saír do bastidor e da tea que abriron o concepto de pintura expandida. O centro que dirixe en Lleida (La Panera) conta cunha liña de traballo neste eido que se concretou en dúas exposición e nunha colección e que ampliaba o debate sobre o feito pictórico.

Xa na sesión da tarde, a docente e artista Chelo Matesanz moderou unha mesa redonda na que participaron os creadores Daniel Verbis, Din Matamoro e Tatiana Medal. O artista Daniel Verbis, afirmou que “a pintura debe ser crítica do social, ter en conta o interese social, pero coidando de non sucumbir ao signo dos tempos: a fugacidade cultural do espectáculo”. Considera que o artista é un ser individual e está nun contexto no que a finalidade da arte é conectar co outro desde a diferenza” xa non interesa. Pola súa banda, Din Matamoro (Vigo, 1958) explicou como os espazos nos que viviu marcaron a súa obra pictórica. “O meu camiño empezou en Madrid, a mediado dos 80 cun expresionismo matérico e figurativo”, un rexistro que cambia cando se despraza a Nova York “materiais como plásticos de colores, fibra de vidro, fotografía, colaxe” Na súa volta a Galicia mantivo o uso dos materiais da época americana pero co mar e o ceo das praias na súa cabeza. Roma, Madrid… cada cidade na que viviu plásmase no seu traballo. Ademais, destacou a influencia de creadores clásicos como o Greco, Velazquez, Murillo ou Van Dick ou Rubens nun exemplo de como lle inflúe na praxe a súa aprendizaxe.

Para rematar, Tatiana Medal (A Coruña, 1971) considerou a pintura desde unha visión ampla do xénero. Para ela son pinturas as instalación, as fotografías, as obras dixitais, debuxos… A partir da súa propia experiencia comentou aspectos fundamentais da pintura como a bidimensionalidade, o soporte ou a superficie.

A sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas
María Luisa Sobrino é a coordinadora da sección de artes Visuais e de Creación Contemporánea do Consello da Cultura Galega, integrada por artistas, críticos e xornalistas entre os que destaca Natalia Poncela, Chus Martinez, Camilo Franco ou Miguel Anxo Prado.

O proxecto máis recente desenvolvido por esa sección é Arte+Mulleres. Informe da situación I, centrado na análise da visibilización das artistas no eido das artes visuais en Galicia, desde 1990 ata 2013. Canda este, destaca a plataforma web ATALAIA. Arte contemporánea en Galicia que veu a luz en 2010 e que consiste nunha base de datos, directorio e centro de recursos para coñecer aos artistas, as obras, os eventos, as publicacións e as entidades vinculadas á arte contemporánea en Galicia. Ademais, no marco do Álbum de Mulleres, iniciativa da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega, desenvolveron un apartado específico de Artistas visuais galegas.