----

O presidente do Consello da Cultura avalía en Alemaña a influencia da República de Weimar na Xeración Nós

Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega (CCG) inicia hoxe unha visita por varios Centros de Estudos Galegos de Alemaña. Neles pronunciará unha conferencia que, baixo o título “A Xeracións Nós Na Alemaña de Weimar”, pretende analizar e avaliar a influencia que a cultura de raíz alemaña da época de entreguerras exerceu na configuración do pensamento dos principais membros da xeración Nós.
O presidente do Consello da Cultura avalía en Alemaña a influencia da República de Weimar na Xeración Nós

Os centros de Estudos Galegos de Berlín, Kiel e Leipzig acollerán desde o martes ata o xoves cadansúa conferencia na que o presidente da institución afondará na influencia da estadía en Alemaña de catro membros destacados da Xeración Nós como son Castelao, Lois Tobío, Vicente Risco e Ramón Otero Pedrayo.

Foron moitos os galegos que no século pasado se trasladaron a Alemaña para ampliar os seu estudos , con bolsas de diversas institucións, como foron a Junta para a Ampliación de Estudos (JAE), Deputacións Provinciais, Universidades e outras entidades. Domingo García Sabell, Felipe Fernández-Armesto (Augusto Assía), Emilio González López son algúns dos nomes de científicos , artistas ou escritores que marcaron esa relación.

Na súa conferencia, Ramón Villares analizará e a avaliará a influencia que a cultura de raíz tivo na configuración do pensamento dos membros da Xeración Nós e que recolleron as vivencias desa estadía en forma de libros. Castelao deixou escrito un “Diario” con información e experiencias do seu percorrido. Lois Tobío, que estivo en Berlín entre 1929 e 1930 recolleuno no seu libro “As Décadas de T.L”. No caso do etnógrafo e político nacionalista Vicente Risco, foi autor dunha obra “Da Alemaña” que logo recolleu no libro “Mittleleuropa”. Por último, nas súas conferencias, tamén destaca a na obra “Arredor de sí” de Ramón Otero Pedrayo,que aproveita a figura ficticia de Adrián Solovio para retratar a esa viaxe pola Alemaña de Weimar.

Acción exterior
A viaxe encádrase dentro da liña de Acción Exterior que desenvolve o Consello da Cultura Galega. Área marcada por unha intensa actividade institucional que se concreta en convenios de colaboración con distintas universidades estranxeiras, outras institucións como a London School of Economics, encontros, conferencias, exposicións ou publicacións.