----

O Consello da Cultura actualiza o debate sobre a pintura nunhas xornadas

A pintura é unha categoría artística desenvolvida con grande intensidade en Galicia nas últimas décadas. Por ese motivo, a sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega organiza unhas xornadas para reflexionar como foron cambiando os discursos, os materiais e ver como as experiencias prácticas axudaron a transformar e ampliar o concepto de pintura. As xornadas, que levan o título Arte+Pintura, terán lugar na sede do Consello da Cultura Galega os días 23 e 24 de abril.

As xornadas pretenden reflexionar sobre o contexto actual da pintura a través de dúas dimensións. Unha teórica, que terá lugar polas mañás, coa presenza de axentes da docencia, da crítica e do comisariado como son Antón Castro, Isabel Sabino, David Barro e Gloria Picazo, directora do Centro d´Art La Panera de Lleida e comisaria dunha exposición que afondou no seu día sobre a pintura, titulada “Pintar sense pintar”. A dimensión práctica chega da man de artistas visuais como Berta Cáccamo, Manuel Eirís, Tatiana Medal ou Din Matamoro que ofrecerán en sesión de tarde as súas propias experiencias persoais no campo da creación artística.

Ademais, as xornadas teñen a maiores outro obxectivo, que é o de confrontar e relacionar a práctica e a reflexión teórica da pintura galega actual co que se está a facer no eido nacional e internacional. O programa está coordinado por Maria Luisa Sobrino e Almudena Fernández, ambas integrantes da sección de Creación e Artes Visuais Contemoráneas do Consello da Cultura.

Antecedentes
As xornadas dan continuidade a outras desenvolvidas en 1995 baixo o título O lugar da pintura nos 90. Daquela o debate situábase en buscar novos camiños para a pintura, que era moito máis que un mero cadro, no sentido de ser un obxecto, e unha técnica de creación artística. Aquel encontro foi organizado por Juan de Nieves e Antón Castro, que volve sobre o tema nestas xornadas coa conferencia inaugural.

A sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas
María Luisa Sobrino é a coordinadora da sección de artes Visuais e de Creación Contemporánea do Consello da Cultura Galega, integrada por artistas, críticos e xornalistas entre os que destaca Natalia Poncela, Chus Martinez, Camilo Franco ou Miguel Anxo Prado. O proxecto máis recente desenvolvido por esa sección é Arte+Mulleres. Informe da situación I, centrado na análise da visibilización das artistas no eido das artes visuais en Galicia, desde 1990 ata 2013. Canda este, destaca a plataforma web ATALAIA. Arte contemporánea en Galicia que veu a luz en 2010 e que consiste nunha base de datos, directorio e centro de recursos para coñecer aos artistas, as obras, os eventos, as publicacións e as entidades vinculadas á arte contemporánea en Galicia. Ademais, no marco do Álbum de Mulleres, iniciativa da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega, desenvolveron un apartado específico de Artistas visuais galegas.