----

O CCG reinvindica ao Díaz Castro tradutor

O Consello da Cultura Galega presentou está mañá o Cartafol de traducións e outros poemas, a edición conmemorativa que realiza o CCG sobre a obra do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas. Baixo o coidado e edición do crítico Armando Requeixo, o Cartafol “integra as dúas grandes paixóns da vida de Díaz Castro, a tradución e a poesía”.

Descargue a obra

Cada ano, o CCG realiza unha edición conmemorativa de materiais e textos sobre o autor homenaxeado nas letras galegas. Desta volta, o lugués Xosé María Díaz Castro foi o obxecto de edición cun Cartafol de Traducións e outros Poemas. Na presentación participaron o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, o editor do Cartafol, o crítico literario Armando Requeixo, Luis Tosar, presidente do Pen Clube e Segundo Pérez, Deán da Catedral de Santiago de Compostela, membro do pleno do CCG e paisano de Díaz Castro en Guitiriz.

“Queriamos chamar a atención sobre o papel de Díaz Castro como tradutor”, resaltou Ramón Villares. A publicación, dividida en dous volumes, contén por unha banda a edición facsimilar dos textos traducidos por Díaz Castro desde linguas coma o francés, alemán ou inglés, e por outra o Estudo Introdutorio, Transcrición de Textos e Notas a cargo de Armando Requeixo. Para Luis González Tosar, presidente do Pen Club e amigo persoal do poeta, “o libro demostra a habelencia de Díaz Castro para asimilar novas linguas con moita rapidez”.