----

O CCG dixitaliza a relación de Francisco Fernández Del Riego con América

Baixo o título "Francisco Fernández del Riego. Correspondente para América", e empregando fondos do Arquivo da Emigración Galega e do Arquivo Sonoro de Galicia, o CCG publicou hoxe á maña un contedor especial que recolle a traxectoria e impacto cultural de Francisco Fernández del Riego en América. O especial, realizado polo departamento de Internet da propia institución, elaborouse co gallo do centenario do nacemento do polígrafo vigués, permite explorar case trescentos artigos que Fernández del Riego publicou en máis de vinte publicacións promovidas por sociedades de emigrantes en América.

O especial pode consultarse en www.consellodacultura.org/prensa/

Ademáis, "Francisco Fernández del Riego. Correspondente para América" incorpora unha liña do tempo que ilustra as relacións entre Del Riego e a diáspora, e no que se poden escoitar fragmentos dos seus discursos de homenaxe a senlleiras figuras galegas durante a visita especial que realizou a Bos Aires no ano de 1954, das que o CCG preserva gravacións no Arquivo Sonoro de Galicia.

A actividade xornalística de Del Riego nas revistas da emigración está marcada polo afán de informar sobre a actualidade cultural de Galicia, pero tamén de instruír e ensinar sobre as bases da cultura galega.