----

O Consello da Cultura Galega aproba e remite á Consellería de Cultura as “Recomendacións para o acceso ao patrimonio moble de Galicia”

O Consello da Cultura Galega remitiu á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria o informe “Recomendacións para o acceso ao patrimonio moble de Galicia”, unha serie de directrices que teñen en conta as recomendacións da Unesco ao respecto e consideran “o importante papel que o patrimonio moble ten hoxe no desenvolvemento económico e social”. O texto alenta á Biblioteca, o Arquivo e o Museo de Galicia “a que asuman este liderado, non limitando a acción patrimonial ás súas coleccións, senón converténdose en institucións ao servizo de todas as institucións patrimoniais e do conxunto da cidadanía galega”. O texto pode lerse e/ou descargarse aqui

As medidas propostas estrutúranse en catro liñas de acción para garantir coñecemento, acceso, sensibilización e profesionalización en relación co patrimonio moble. Resumimos deseguido as principais directrices.

1.- A elaboración dos instrumentos imprescindibles para o coñecemento do patrimonio moble de Galicia por parte da cidadanía.
Trátase de que a cidadanía poida coñecer as institucións que posúen pezas patrimoniais, os seus servizos e as condicións en que esta pode acceder aos bens, e tamén os bens que forman o patrimonio moble da Comunidade, así como acceder ás versións dixitais destes cando existan.
A proposta supón un censo común e en rede de todas as institucións públicas e privadas de Galicia e un catálogo colectivo do patrimonio moble público e privado.
O acceso a este catálogo debería ser o “Portal do Patrimonio” da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e os reponsables do desenvolvemento, a Biblioteca, o Arquivo e o Museo de Galicia, institucións patrimoniais de Galicia.

2.- Accións para facilitar o acceso ao conxunto da cidadanía, harmonizando as obrigas de preservación e conservación dos bens patrimoniais mobles cos dereitos da cidadanía e tendo en conta a variedade de titulares dos bens.
Recoméndase que cada institución, pública e privada, con coleccións patrimoniais teña un calendario público de visitas en datas fixadas e/ou mediante solicitude, así como a organización de xornadas de portas abertas, que garanta o acceso periódico e gratuíto ás instalacións en que se custodian os bens e as pezas escollidas destes ou as súas copias.

3.- Accións de sensibilización.
Aluden a diferentes medidas que os concellos, as institucións patrimoniais, as asociacións culturais e o sistema educativo deberían levar aidante para que a cidadanía incremente a percepción sobre os valores -identitario, cultural, social e económico- que os bens culturais mobles representan para a nosa Comunidade. Preténdese que as accións propostas cheguen a toda a cidadanía, valorando o potencial das actuais tecnoloxías da información e a comunicación.
Suxírense campañas de sensibilización cara ás concellarías de Cultura e as parroquias sobre os valores sinalados e o dereito de acceso ao patrimonio garantido polas leis.
Apúntase asemade que a educación no ensino básico e medio é unha ferramenta esencial para o coñecemento dos bens culturais, o seu significado e importancia. Tal formación debe posuir un carácter transversal nas distintas materias que configuran o currículo escolar.

4.- Profesionalización da xestión do patrimonio.
Destácase a importancia que a formación universitaria e a formación contínua das persoas que traballan en actividades relacionadas co patrimonio moble posúen para unha xestión acaída dos bens patrimonais. Sen esta profesionalización -subliñan- non será posible desenvolver moitas das medidas contempladas neste documento.
Proponse que as titulacións universitarias relacionadas co ámbito patrimonial contemplen de forma axeitada o coñecemento e xestión do patrimonio moble, tanto a través de materias específicas relacionadas cos distintos tipos de bens patrimoniais, como a través de contidos transversais. Apúntase tamén a necesidade de asegurar a formación permanente sobre patrimonio moble para os profesionais das institucións patrimoniais.

O texto foi elaborado por unha comisión técnica temporal integrada por María del Mar García Miraz, Segundo Pérez López, Bieito Pérez Outeiriño, María Ánxeles Vidal Fraile e Alfredo Vigo Trasancos coa coordinación de Concha Varela Orol, membro do Plenario do Consello da Cultura Galega, que xa deu o seu preceptivo visto e prace ao informe.