Ciclo
Palestras Maxistrais
Do 10 de xaneiro ao 25 de marzo de 2008Palestras Maxistrais
Do 10 de xaneiro ao 25 de marzo de 2008Palestras Maxistrais
Do 10 de xaneiro ao 25 de marzo de 2008Solicita a túa inscrición
Palestras Maxistrais
Ciclo. Do 10 de xaneiro ao 25 de marzo de 2008
Biblioteca do Consello da Cultura Galega, 10 de xaneiro, ás 17:00
Quo vadis ius mercatorum?
- 2008-01-10 00:00:00
Nado en Monterrei (Ourense) en 1943, Jose Antonio Gómez Segade licenciouse e doutorouse en Dereito na USC en 1966 e 1970, respectivamente, con Premio Extraordinario nas dúas ocasións. Logo de ser catedrático dende 1975 nas Universidades de San Sebastián e Valencia, en 1981 conseguiu por traslado a Cátedra de Dereito Mercantil da Universidade de Santiago, onde imparte clases na actualidade. No eido administrativo, o profesor Gómez Segade foi secretario e decano de Dereito na USC, vicerreitor e director de Departamento nas universidades de Valencia e Santiago e director do Instituto de Dereito Industrial da USC. No plano internacional, entre outras institucións, é membro do Consello Científico da Oficina Europea de Patentes de Múnic, do Consello Científico das denominacións de orixe da Unión Europea e do Conselho Consultivo da Universidade do Minho en Braga. Por outra parte, destaca tamén polas súas estancias como profesor ou investigador invitado en universidades e centros estranxeiros, como a School of Law University of San Francisco e o Franklin Pierce Law Center, en Estados Unidos, e o Max Planck Institut de Propiedade Industrial , en Alemaña. Conferenciante en numerosas universidades e institucións comerciais de todo o mundo, membro do consello científico de prestixiosas publicacións españolas e máis estranxeiras, presidente de xurados de teses e concursos de profesores en España, Portugal e Francia, ten recoñecida a máxima avaliación docente e investigadora establecida en España. A estes méritos hai que engadir un prolífico labor de publicación de monografías e artigos e unha importante cantidade de teses doutorais dirixidas, ademais do Premio de Investigación da Xunta de Galicia en 2002.
DATOS BÁSICOS
Conferencia: Quo vadis ius mercatorum? (Especial atención aos camiños da propiedade intelectual)
Santiago de Compostela, 10 de Xaneiro de 2008, ás 17.00 h.
Lugar de celebración: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Biblioteca do Consello da Cultura Galega, 26 de febreiro, ás 17:00
Corenta anos de investigación en lingüística
- 2008-02-26 00:00:00
Nado en A Coruña, en 1947, Guillermo Rojo licenciouse en Filosofía e Letras (sección de Filoloxía Románica, subsección de español) na Universidade de Santiago de Compostela en 1969 e doutorouse na mesma Universidade en 1972 cunha tese sobre as construcións perifrásticas verbais en galego contemporáneo. Profesor agregado de Universidade desde 1976 e catedrático de Lingua Española da USC dende 1981. Ocupou diversos cargos de responsabilidade académica na USC. Na actualidade, é tamén coordinador da área lingüística do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Ingresou na Real Academia Española en outubro de 2001 e ocupou o cargo de Secretario da institución entre 2003 e 2007.
É autor de distintos traballos sobre diferentes cuestións de teoría sintáctica e sintaxe do español, así como acerca da situación lingüística galega e as actitudes lingüísticas do profesorado do ensino primario. Nos últimos anos, o seu traballo está centrado fundamentalmente no estudo das construcións verbais (réxime, valencias) mediante os procedementos característicos da chamada “Lingüística baseada na análise de corpus”. Tamén dedicou unha boa parte da súa actividade á colaboración en equipos de investigación que constrúen gramáticas formais do castelán e do galego para a súa aplicación a diferentes produtos lingüísticos.
DATOS BÁSICOS
Conferencia: Corenta anos de investigación en lingüística
Santiago de Compostela, 26 de Febreiro de 2008, ás 17.00 h.
Lugar de celebración: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
25 de marzo, ás 17:00
Corenta anos de arquitectura
- 2008-03-25 00:00:00
O arquitecto galego debate no ciclo "Palestras Maxistrais", a necesidade de construir para resolver problemas. Ademais, fixo un percorrido a través dos sues corenta anos de arquitectura.
Manuel Gallego Jorreto (O Carballiño, 1936) obtivo o título de Arquitecto na ETSA de Madrid (1963). É profesor titular na ETSA da Coruña, na que exerce a docencia desde 1978, e catedrático de proxectos arquitectónicos. Entre as numerosas mencións e galardóns que recibiu destaca o Premio Nacional de Arquitectura (1997). Na actualidade desenvolve o seu labor profesional desde o seu estudio na cidade da Coruña. A súa obra baséase nunha clara preocupación polo lugar como soporte da historia. O seu coñecemento da arquitectura e da cultura tradicionais permítelle abordar unha obra dinámica e, ao mesmo tempo, reflexiva. A preocupación polo carácter e a función do proxecto, constantes na súa traxectoria, non impiden que atope unha linguaxe expresiva e directa, na que historia e modernidade se sitúan nun claro equilibrio de forzas que define un xeito propio de entender a arquitectura, plasmado nunha adaptación ás circunstancias e necesidades. A súa obra acadou un lugar de seu na nosa tipografía cultural, desde o cal o arquitecto desenvolve unha perspectiva independente e permanentemente crítica. O peso da tradición e do compromiso do arquitecto conxúgase con dúas constantes: a idea do lugar e a noción da memoria. Entre as súas obras pódense citar a Vivenda Unifamiliar de Corubedo (1969), os Institutos de Investigación de Santiago de Compostela (1992-2000), a Vivenda El Pinar (Oleiros, 1977), o Complexo Presidencial de Santiago (2000-2002), Mueo de Belas Artes da Coruña (1988-1995), o Museo de Arte Sacra da Colexiata de Santa María (A Coruña, 1982-1987) ou a Piscina Cuberta de Chantada (1998-2002).
DATOS BÁSICOS
Santiago de Compostela, 25 de Marzo de 2008, ás 17.00 h.
Lugar de celebración: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
29 de xuño de 2008, ás 17:00
As revolucións científicas na química
- 2008-06-29 17:00:00
Ángel Rodríguez de Lera resumiu toda a historia da química desde a revolución da composición química de finais do século XVIII á revolución atómica de principios do século XX, pasando pola revolución molecular da segunda metade do século XIX, sen deixar de aludir á posibilidade dunha revolución supramolecular no século XXI. Unha evolución progresiva e transformadora que non deixou de proporcionar bens materias que cambiaron a sociedade e que debe seguir xogando un papel central na mellorra das posibilidades de realización da Humanidade, sen esquecer os problemas da enerxía, o medio e sostibilidade.
O conferenciante subliñou asemade os desafíos éticos derivados do desenvolvemento tecnológico ligado a unha ciencia de transformación da naturaza. “Algunhas das oportunidades ao noso alcance, como desenvolver novas formas de vida, prolongar a nosa propia vida ou serrar sistemas que sexan rivais en inteligencia aos humanos poden resultar beneficiosas ou perxudiciais. Debemos aceptar, polo menos, a obriga de explicar con claridade aos nosos concidadáns o traballo dos científicos e o resultado final esperado”, afirmou.
Rodríguez de Lera apostou tamén por conectar a química con outras disciplinmas. “Non só coas tradicionais da bioloxía, a física e a medicina, senón tamén coa economía, a literatura, a historia e as ciencias sociais”.
Na actualidade o grupo de investigación que lidera o catedrático Angel Rodríguez de Lera ten como obxectivo o descubrimento de novos axentes anticanceríxenos, moduladores de encimas epixenéticas e de receptores nucleares.
DATOS BÁSICOS
Conferencia: As revolucións científicas na química
Santiago de Compostela, 29 de Xaneiro de 2008, ás 17.00 h.
Lugar de celebración: Biblioteca do Consello da Cultura Galega