Memoria de actividades 2008
Depósito Legal C 1564-2009
O camiño percorrido durante vinte e cinco anos permitiunos fixar novos obxectivos, reflexionar sobre o papel da cultura e das institucións culturais e redefinir e ampliar a posición do Consello no marco institucional e no universo cultural de Galicia (Introdución). Acceda ao documento
Máis información
A Memoria de actividades 2008 do Consello da Cultura Galega sintetiza o traballo da institución ao longo do ano no que celebrou o seu 25 aniversario.
Entre os obxectivos propostos para o vinte e cinco aniversario do CCG estiveron o impulso da análise e da avaliación da cultura e facela visible cara ao exterior, asumindo o peso da cultura na identidade galega; situar o Consello como un referente da actividade cultural desenvolvida no ámbito asociativo local; fortalecer a relación co complexo das industrias culturais e da comunicación, amais de ser un lugar de encontro, reflexión e diálogo cultural como expresión da pluralidade, especialmente no contexto ibérico.
A celebración do vinte e cinco aniversario permitiu avanzar neses obxectivos a través da organización de congresos e seminarios, foros de debate, conferencias e distintas actividades abertas á análise e ao balance da cultura galega neste cuarto de século, así como ás propostas de acción futura nun escenario diverso, plural e global. Outras iniciativas, entre as que destacaron a organización de exposicións, a celebración de actos institucionais de encontro con outras institucións galegas e de fóra de Galicia, completaron o traballo deseñado para potenciar un obxectivo de futuro: crear cultura, imaxinar país.

