A nosa fala: bloques e áreas linguísticas do galego

Ed. Hermida Gulías, C. e Fernández Rei, F.
Ano de Publicación: 1996
ISBN: 84-87172-11-3
Temáticas:
A escolma de textos fíxose atendendo tamén a criterios extralingüísticos, procurando a maior variedade temática posible, non só para facela amena para estudiantes e ensinantes de lingua galega, senón tamén para que un etnógrafo, un historiador ou un sociólogo interesados pola Galicia anónima (a de onte e a de hoxe) poida tamén utilizar esta breve mostra: os asuntos tratados son tan diversos que coidamos que investigadores alleos á lingua galega tamén poden tirar partido deste material. Da mesma maneira, consideramos que esta escolma pode ser de boa utilidade para os profesionais que usan habitualmente o galego oral, e de xeito especial para os locutores dos medios de comunicación, dobradores e actores, porque a fonética e a entoación que nos textos se escoita é toda ela autenticamente galega.

Acceda ao documento

Máis información

Esta publicación recolle a transcrición fonética de 43 gravacións de persoas de diferentes áreas lingüísticas e pretende testemuñar as diversas modalidades do galego oral.

O idioma galego, como todas as linguas do mundo, presenta, dentro da súa unidade, variedades territoriais que foron estudadas e descritas en traballos sobre a realidade viva da fala desenvolvidos polo Instituto da Lingua Galega ao longo dos seus anos de existencia. Estes traballos foron a primeira achega científica á nosa realidade lingüística desde o mundo da investigación da Universidade Compostelá. A xa clásica definición en tres bloques, con áreas e subáreas no interior de cada un deles, non gozaba aínda de soporte sonoro editado en que atopar testemuños directos representativos das diversas modalidades lingüísticas. Utilizando os materiais do Arquivo Galego Oral do ILG, especialmente os correspondentes ao Atlas Lingüístico Galego (1974-76) e ao Arquivo Dialectal da Lingua Galega (1992-95) fíxose unha selección de textos nos que tratou de conxugar o interese lingüístico co interese etnográfico, histórico e mesmo sociolóxico. Despois do éxito acadado coa primeira edición e da ampla divulgación que tivo entre os especialistas e estudiosos en xeral, o programa Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega dá ao prelo esta segunda edición, en formato CD, para continuar co labor de espallamento do eixo e alma da nosa tradición cultural, ou sexa, da nosa fala.
Presentación de Alfonso Zulueta de Haz


Ficha Bibliográfica

A nosa fala : bloques e áreas lingüísticas do galego /
edición de Francisco Fernández Rei e Carme Hermida Gulías ;
[coa colaboración de Miruca Parga Valiña e Afonso Xabier
Canosa Rodríguez]. – 2ª ed.– Santiago de Compostela :
Consello da Cultura Galega, Arquivo Sonoro de Galicia, 2003.
– 3 CDs + libro (150 p.) ; 23 cm. – (A nosa fala ; 1)
D.L. VG-707/2003. – ISBN 84-95415-70-4
1. Lingua galega–Gravacións sonoras. I. Fernández Rei,
Francisco. II. Hermida Gulías, Carme. III. Consello da Cultura
Galega. Arquivo Sonoro de Galicia, ed. IV. Serie.


 
1