Obxectivos

Rescatar e poñer en valor a memoria e os testemuños da acción solidaria e altruísta dos nosos emigrantes é unha das tarefas do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega. No ano 1998 déronse os primeiros pasos nun proxecto que consistía na busca, identificación, clasificación, análise e recuperación documental das realizacións escolares feitas polos emigrantes nos concellos de Pontevedra. Este proxecto, daquela inacabado, estaba dirixido polo Dr. Vicente Peña Saavedra, profesor da USC e membro da Comisión Técnica do Arquivo. O traballo de recollida informativa de campo fora realizado polos bolseiros de investigación Jesús Blanco Rosas e Moisés Janeiro Novo. O Arquivo conta actualmente nos seus fondos cun amplo inventario das «escolas de americanos» desta provincia, así como das fundacións docentes de capital indiano e doutras construcións públicas promovidas desde a emigración.
No mes de maio de 2008 o Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia, continuando co seu labor de cooperación na recuperación e difusión do patrimonio da nosa emigración, asinaron un convenio de colaboración para a realización, entre outros proxectos, dun catálogo coas construcións escolares financiadas desde a emigración nas provincias de Lugo e Ourense. Con este proxecto, baixo a dirección científica do Profesor Vicente Peña Saavedra, preténdese inventariar o patrimonio arquitectónico escolar destas áreas territoriais. Na elaboración das fichas descritivas dos edificios censados indicaranse os aspectos máis salientables que os caracterizan: a súa localización xeográfica, o estado de conservación, a descrición arquitectónica, os servizos educativos que posuían, etc., ao tempo que se procurará recuperar a documentación histórica relacionada coas escolas (programas docentes, rexistros escolares, expedientes de construción…), todo isto complementado cun ilustrativo álbum fotográfico e iconográfico. O catálogo con toda a información obtida será difundido a través das páxinas web de ambos os organismos para chegar ao maior número posible de galegos e galegas, de aquí e de acolá.