José García Barbón

Este indiano naceu en Verín (Ourense) o 30 de marzo de 1831. Aos 13 anos emigrou a Cuba, e aos 25 xa era dono dun cuantioso capital que foi crecendo ata facerlle figurar como un dos máis importantes homes de negocios da capital cubana. Fundou nesta un Banco que levaba o seu nome. O destacado xornalista e fundador do Centro Gallego da Habana, W. Álvarez Ínsua, escribiu nun artigo publicado en El Eco de Galicia:

    O señor Barbón é por todos coñecido e entre o non pequeno número de galegos aquí residentes non se contará seguramente dúas ducias que non estean perfectamente convencidos das singulares virtudes que a tan bondadoso señor adornan. O señor Barbón que veu a este país en idade moi temperá tivo ocasión de facer fortuna, gañada traballando do xeito máis honroso e digno e hoxe, seguindo un vello costume empregado en facer ben e en redimir necesidades e miserias….

García Barbón desde a súa mocidade colaborou nas diversas sociedades creadas polos galegos en Cuba, participando na fundación da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia en 1871, na que foi elixido tesoureiro da súa primeira directiva. Foi membro destacado da Masonería cubana, na “Orde de Gran Oriente de España, Unión e Concordia número 21″ co nome simbólico de “Candas”. Tamén foi socio e impulsor da fundación do Centro Gallego da Habana.
En xaneiro de 1884, resentida a súa saúde, liquidou os seus negocios e retornou a Verín dono dunha gran fortuna que invertiu en diferentes bancos e negocios1 . Fixou a súa residencia na vila ourensá e permaneceu alí vivindo 22 anos. En Verín financia a construción e o sostemento de varias escolas. Tamén reconstruiu a igrexa parroquial, onde empregou 60.000 pesetas e subvencionou a construción dunha ponte e de diversas obras públicas.
Anos máis tarde pasou a residir en Vigo, onde merca unha fermosa finca chamada “Vista Alegre” na que formou o seu fogar coa súa irmá e os fillos e netos desta.
Nesta cidade leva a cabo gran cantidade de obras benéficas. Entre elas: a construción da Escola de Artes y Oficios e a súa ampliación posterior como Escola de Artes e Industrias. Nela invertiu máis de 750.000 pesetas da época e dotouna de alumeado, material de laboratorio e unha extensa biblioteca con máis cinco mil volumes. Adquiriu, ademais, o Teatro García Barbón, proxectado polo ilustre arquitecto porriñés Antonio Palacios. A Cociña Económica, a Casa de Caridade, hospitais, asilos e diversas institucións tiveron a súa protección. Colaborou no desenvolvemento urbanístico de Vigo, construíndo un grupo de magníficas casas na rúa que hoxe leva o seu nome. Fixo outras importantes doazóns á Sociedade de Agricultores de Teis, ao Asilo del Niño Jesús de Praga e ao Concello.
Falando do seu labor benéfico educativo, García Barbón declarou:

    Yo quisiera ser muy rico, inmensamente rico, un nuevo Creso, para construir un edificio igual a este de Vigo, en cada pueblo y aldea de Galicia, y a ser posible, en todos los pueblos y aldeas de España, con profesorado competente, porque creo que sólo por la instrucción se puede regenerar la Patria”.

García Barbón faleceu solteiro, en Vigo, o 7 de marzo de 1909. Vigo honrou a memoria do filántropo erixindo unha estatua feita por Asorei. O acto de inauguración do monumento verificouse o día 28 de setembro de 1927, e foi galardoado coas cruces de Beneficiencia, de Isabel La Católica, e a Gran Cruz da Orden de Alfonso XII, destinada a recompensar os seus servizos en pro da cultura.
A escola de Artes e Oficios parte da iniciativa do ex ministro Eduardo Chao, e foi patrocinada pola sociedade La Cooperativa, da que era presidente honorario. A iniciativa tivo por base o desexo de crear un colexio onde os obreiros puidesen adquirir os coñecementos precisos para desenvolver o seu traballo. Despois de numerosas xestións foi inaugurada o 26 de setembro de 1886, pronunciando o Sr. Chao o discurso regulamentario. A escola comezou a funcionar seguidamente, con material doado expresamente a tal obxecto polo seu iniciador e grazas o altruísmo dos profesores, que durante dous anos desempeñaron gratuitamente as clases.

  1. Entre as empresas que creou ao seu retorno podemos destacar: en 1904 inaugurou as instalacións do Hotel e Balneario Cabreiroá, as súas augas tiñan e teñen fama en toda Galicia; fundou a empresa de electricidade Electra de Verín S.A.; en 1907 creou con outros socios unha empresa de transportes chamada Automóviles Ómnibus de Verín S.A. []