Introdución
O envío de remesas desde a emigración tivo unha gran importancia na mellora das condicións de vida e na modernización da economía galega, pero tamén propiciou un cambio na mentalidade cunha maior permeabilidade ás ideas procedentes do exterior.
A saída cara a América de milleiros e milleiros de paisanos, en moitas ocasións cun carácter definitivo, provocou en numerosos casos un profundo sentimento de compromiso e solidariedade coa súa terra de orixe, non só no plano familiar, senón tamén coa veciñanza.
Un dos destinos destas remesas, que atinxiu maior pegada no desenvolvemento da sociedade e da cultura galegas, concretouse na esfera educativa, tendo como beneficiarios directos aos seus veciños, xa que contribuíron a configurar a primeira rede escolar galega.
Esa intervención no proceso de dotación e equipamento de escolas en case toda Galicia obedeceu en boa medida á situación de graves deficiencias Moitos emigrantes sentíronse solidarios con Galicia e a súa deficiencia educativa. Este é o xérmolo do envío de remesas para a creación de escolas instrutivas experimentadas polos propios emigrantes, os cales, adoito, padecían un alto grao de analfabetismo, e cando chegaban a América atopábanse nunha situación de clara inferioridade no mercado laboral pola súa escasa cualificación académica e profesional, estando obrigados a aceptar os traballos máis ingratos, penosos e peor pagados. A súa experiencia americana levounos a concienciarse de que a educación era fundamental para lograr mellorar a súa condición no país de acollida. A educación convértese pois nun vehículo rexenerador e nun resorte de transformación social.
A intervención escolar dos ausentes adoptou dúas modalidades: a primeira individual e a segunda colectiva. A individual comezou a agromar xa no primeiro período da emigración americana, nos albores do século XVII, sendo os promotores dela os «filántropos indianos», que fixeron contribucións económicas en forma de doazóns ou legados testamentarios moi variados, abranguendo desde pequenas cantidades para a axuda do fornecemento de escolas ou bibliotecas até importantes cantidades para a construción e o sostemento de varios centros educativos.
A modalidade de carácter colectivo estivo alentada polas «sociedades de instrución» que se foron creando en América desde comezos do século XX, e
sufragaron a implantación, dotación e financiamento das chamadas «escolas de americanos», que representaban unha alternativa complementaria e renovadora á rede oficial de establecementos públicos de ensino. Na súa maioría eran escolas laicas, gratuítas, con programas de estudos modernos e mesmo en ocasións cunha certa orientación técnica, inspirados nos existentes nas repúblicas americanas de acollida.
As modalidades de intervención escolar auspiciadas polos emigrantes foron moi variadas: desde a construción de edificios de nova feitura ou o arrendamento de locais, até o envío de doazóns ocasionais para a mellora das infraestruturas ou dos útiles e aveños da escola que xa estaba a As iniciativas escolares viñeron da man de particulares e de sociedades de instrución, que vían a educación coma unha ferramenta para mellorar o futuro das novas xeraciónsfuncionar. As novas institucións de ensino eran xestionadas, moitas veces, por delegacións locais nomeadas polas entidades centrais de América, que se ocupaban de todos os aspectos do seu funcionamento. Pero tamén se deron casos de entregar as escolas aos municipios, unha vez construídas e provistas das infraestruturas adecuadas.
No que respecta ao aspecto arquitectónico, para o deseño dos edificios seguíronse criterios de funcionalidade e hixiene, procurando a calidade dos materiais e tratando de responder dunha maneira máis acaída ás necesidades pedagóxicas da actividade escolar. As escolas debían contar con espazos para recreo, práctica de deportes e campos de experimentación agrícola e, moitas delas, dispoñían de vivenda para os mestres. Houbo unha preocupación clara por equipar estes centros de mobiliario e material educativo adecuado, instrumental científico, biblioteca, obradoiros, museos, etc.; en suma, recursos pedagóxicos pouco comúns nos espazos escolares do seu tempo. Con certa frecuencia mesmo este material era enviado desde América.
As distintas accións das sociedades serviron de resorte fundamental para a expansión da rede educativa pola Galicia rural e como axente modernizador das aldeas e parroquias destinatarias.
