As sociedades instrutivas

A formación e desenvolvemento de asociacións mutuais, recreativas, políticas e culturais que agrupaban os estranxeiros en América Latina foi un fenómeno que ten os seus inicios a mediados do século XIX e o seu momento de maior esplendor nas tres primeiras décadas do XX. Na década de 1850-60 xurdiron no Río da Prata as primeiras entidades macroterritoriais que procuraban actividades asistenciais e patrióticas.

Algunhas destas asociacións tiñan na súa prédica á defensa da identidade cultural da súa rexión, pero as máis naceron cunha definida orientación de axuda aos seus compatriotas menos favorecidos polas carencias do sistema sanitario dos países de acollida e limitaron a acción cultural aos sectores máis prósperos da colectividade. As entidades galegas que lograron un maior arraigamento foron aquelas que abarcaban o asistencialismo mutualista e benéfico, contribuíndo a encher un baleiro da estructura asistencial e sanitaria dos países receptores, como foron os grandes centros galegos de Bos Aires, A Habana ou Montevideo.

sociedad_maside.jpgEstas entidades macroterritoriais tamén se convertiron nas primeiras sociedades de instrución fundadas polos galegos no exterior, orientando a súa actuación educativa na apertura de aulas para alfabetizar e dotar duns mínimos rudimentos culturais e técnicos de carácter profesional aos adultos emigrados que tiñan unha escasa cualificación profesional1 .

Esta actividade en pro da cultura e alfabetización dos emigrantes logo se fixo extensiva ás súas localidades de procedencia; a comezos do século XX comezan a proliferar a fundación de sociedades microterritoriais, que primaban como criterio integrador a condición territorial de orixe dos seus socios (parroquia, concello, comarca). Estas entidades tiñan como finalidade primordial contribuír a afianzar a unión e fomentar a solidariedade entre os socios procurando satisfacer as súas demandas e necesidades en diversos ámbitos, un dos cales era o educativo, asumindo como tarefa preferente, fomentar e propagar o ensino no lugar de orixe, implantando e sostendo a tal efecto centros gratuítos de instrucción primaria ou técnica, para xeneralizar a escolarización dos menos favorecidos. A razón fundamental que esgrimían para xustificar o seu intervencionismo neste eido radicaba no estado deficitario que rexistraba o ensino público en toda Galicia, unha situación que xa eles padeceran e que lles levaba a unha situación de inferioridade real á hora de traballar nos países de acollida. Isto aparece moitas veces reflexado na prensa da colectividade ou nos propios regulamentos sociais:

    (…) Si cuando nuestros queridos padres nos mandaron a la escuela, hubiera las escuelas modernas como las que nosotros sostenemos ahora allí, y no nos hubiesen enseñado tanto catecismo y hubiésemos aprovechado el tiempo en cosas más provechosas, porque en la escuela en la que yo aprendí las primeras letras, jamáis he visto otra preparación para exámenes que no fuera ir delante del cura a decir cuatro cosas que no entendíamos (…), hubiésemos estado más preparados para las luchas da vida2 .

partido_negreira.jpgAs sociedades de instrución tiveron variadas actuacións: nalgúns casos facíanse cargo integramente do financiamento, funcionamento e supervisión dos colexios que creaban e que tiñan titularidade privada; noutras ocasións a entidade promotora achegaba o capital necesario para dotar de infraestruturas os centros, sendo competencia estatal o nomeamento e remuneración dos mestres, de tal xeito que estas escolas, unha vez fundadas pasaban a ser públicas; outra limitábanse a enviar partidas económicas ou doazóns de material de equipamento para o bo funcionamento de escolas públicas.
Ademais deste obxectivo ilustrado e solidario, as microsociedades contribuíron ao desenvolvemento e benestar das súas comunidades con doazóns para socorrer aos seus paisanos necesitados, reparar camiños, igrexas e cemiterios, construir hospitais, fontes e lavadoiros, levantar monumentos conmemorativos ou financiar festas patronais. Tamén colaboraron na modernización agropecuaria e interviñeron nas movilizacións de carácter agrarista das súas comarcas; mantendo estreitas relacións coas sociedades agrarias e cos movimentos rexeneracionistas que izaban a bandeira anticaciquil e da abolición dos foros. Peña Novo, director do xornal agrarista de Vilalba El Ratón, resumía así en 1913 o labor das sociedades de instrucción galegas en Cuba:

    De Cuba viene o dinero que se necesita para atajar o hambre de anos míseros; de Cuba viene o dinero para todas las obras benéficas que aquí hacemos; en Cuba se fundan sociedades de instrucción (…) para levantar nas parroquias edificios escolares donde educar a la juventud que o municipio i o Estado abandonan; de Cuba tienen que venir, por consiguiente, los vientos de fronda que barran para siempre o obstáculo de todo progreso; o caciquismo imperante, enemigo da instrucción, da beneficencia i do bienestar do pueblo3 .
  1. Podemos destacar o Plantel escolar “Concepción Arenal” creado e financiado polo Centro Gallego da Habana, que entre 1880 e 1909 impartiu clases a máis de 29.000 alumnos. []
  2. Galicia, 7/3/1915. Relato dun socio de “La Aurora de Somozas”, sociedade de instrución da Habana. []
  3. PEÑA NOVO (21/9/1913). Citado por NÚÑEZ SEIXAS (1998), Emigrantes, caciques e indianos, Vigo, Xerais. []