XI Encontros para a Normalización Lingüística

Santiago de Compostela, 12 e 13 de febreiro

O Consello da Cultura Galega organiza a XI edición dos Encontros para a Normalización Lingüística co ánimo de poñer, un ano máis, ao dispor dos principais axentes sociais implicados na normalización do idioma galego este foro de debate e reflexión arredor do proceso de planificación lingüística en Galicia.

O momento político no que nos atopamos, de final dunha lexislatura e ás portas doutra nova, esixe un alto no camiño, tanto para botar a vista atrás e avaliar a política lingüística desenvolvida polo Goberno galego nestes últimos catro anos como para que agromen novas propostas e ideas que alumeen as accións políticas futuras. A estas cuestións dedicaremos a primeira das dúas xornadas, na que tamén se reflexionará sobre a lexislación lingüística de recente aparición, así como sobre o argumentario xurídico que avala a intervención pública en cuestións de idioma no ámbito privado.

A segunda xornada, cun enfoque máis sociolóxico, centrarase nos seguintes temas: as canles de participación social nas políticas lingüísticas institucionais, a integración sociolingüística e cultural dos inmigrantes e emigrantes retornados e a socialización en lingua galega nos centros galegos do exterior. Como novidade, os Encontros pecharanse nesta ocasión cunha sesión lúdica que nos presentará unha visión orixinal do camiño andado e por andar cara á plena normalización social do idioma galego, obxectivo que inspira a organización deste evento desde o seu comezo.

OBXECTIVOS
- Contribuír ao estudo, á reflexión e ao debate sobre a planificación lingüística en Galicia
- Constituír un punto de encontro, análise e debate para todos aqueles profesionais que desenvolven o seu labor nos diferentes servizos de normalización lingüística e servizos lingüísticos existentes en Galicia
- Colaborar na formación continua de especialistas en planificación lingüística

DESTINATARIOS/AS
- Técnicos/as de normalización lingüística que están a desenvolver o seu labor nos diferentes servizos de normalización lingüística e servizos lingüísticos existentes en Galicia
- Especialistas e estudosos/as do ámbito da planificación lingüística

IMPORTANTE: PRAZAS ESGOTADAS

DATOS BÁSICOS:

Materiais: Folleto en pdf
Santiago de Compostela, 12 e 13 de febreiro
Inscrición: Inscríbase aquí
Tel. Información: 981 957 209
Lugar de celebración: Salón de Actos do Consello da Cultura Galega

Ver localización:

Ver mapa máis grande

 
1