Cultura, Arquitectura e Identidade: A arquitectura desde Galicia
AS PRAZAS ESTÁN ESGOTADAS
Máis información no tel. 981 957 210
Seguindo a liña das actividades desenvolvidas durante os últimos tres anos dentro do proxecto Cultura, arquitectura e identidade da Sección de Arquitectura do Consello da Cultura Galega coas experiencias Vasco-Navarra, Cataluña, Madrid, Azores ou Andalucía,entre outras, conclúese co achegamento reflexivo das xornadas A arquitectura desde Galicia, complementando, así mesmo, as iniciativas anteriores de análise e estudo da creación arquitectónica desde as diversas áreas culturais galegas, nun recoñecemento e visibilidade do labor dos diferentes autores que traballan nesas terras. Entendendo a arquitectura como unha parte significativa e implicada na construción da cultura dos pobos, nestas xornadas implicamos a significativos profesionais do noso territorio, invitando a participar neste proxecto a un recoñecido grupo de autores que presentarán unha reflexión crítica sobre a súa obra, proxectos e traxectoria. Andrés Fernández-Albalat, César Portela, Manolo Gallego, Celestino García Braña, Xosé Manuel Casabella, Iago Seara, Fernando Blanco, Alberto Noguerol e Pilar Díez, Alfonso Penela ou Alfredo Freixedo e as xeracións intermedias, con Jesús Irisarri e Guadalupe Piñera e Carlos Quintáns, demostran a esixencia e calidade na produción creativa contemporánea dentro dunha busca dunha achega cultural crítica. Finalmente, destinarase unha mesa redonda a reflexionar sobre as últimas xeracións da man de Xoán Creus, Belinda Besada, José Antonio Vázquez, Pablo Gallego e Alfonso Salgado.
A temática principal destas xornadas centrarase no estudo da arquitectura actual en Galicia ao tempo que se ofrece unha tese de debate conformada na reflexión sobre a arquitectura nos bordos do territorio e da cultura, no deseño e na proxección desde o arquitectónico, mediante a presentación de obras e proxectos nos que se debate esa problemática da intervención coa fricción da periferia ou do límite cultural, sempre nesa relación cómplice coa paisaxe e coa cidade.
Unha vontade de análise da produción arquitectónica e creativa atendendo a un estudo histórico e actual, crítico e contemporáneo, desde a teoría e a experiencia dos autores galegos.
DATOS BÁSICOS:
Materiais: Folleto en pdf
Santiago de Compostela, 21 e 22 de Novembro
Inscrición: Prazas esgotadas
Tel. Información: 981 957 210
Lugar de celebración: Salón de Actos do Consello da Cultura Galega
Localización das xornadas:
Ver mapa más grande

