Na presentación do libro “Po de estrelas”, de Xurxo Mariño, reivindicouse a importancia da ciencia como parte indisociable da cultura

presentacion_podeestrelas.jpg

Xurxo Mariño, Salustiano Mato, Ubaldo Rueda, Francisco Díaz e Santy Gutiérrez, durante a presentación no Edificio Xelmírez. Foto: CCG

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2008.- A presentación do libro PO DE ESTRELAS. NOVAS RECEITAS CIENTÍFICAS DE “OS DADOS DO RELOXEIRO”, de Xurxo Mariño Alfonso, editado polo Consello da Cultura Galega, co apoio da Direcciòn Xeral de I+D+I da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, serviu para salientar a crecente importancia da ciencia e da técnica como compoñentes indisociables do que entendemos por cultura.

Na presentación, ademais do autor, interviron: Francisco Díaz Fierros, coordinador da Sección de Ciencia, Técnica e Sociedade e vicepresidente do Consello da Cultura Galega; Salustiano Mato, director xeral de I+D+I da Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia; Santy Gutiérrez, ilustrador, e Ubaldo Rueda, director do IES “Rosalía de Castro” de Santiago de Compostela, onde tivo lugar a presentación á que acudiu unha numerosa representación do alumnado do centro. Tamén estivo presente Manuela Mariño, autora das infografías.

O libro agrupa 32 artigos de divulgación científica publicados previamente polo autor na sección “Os dados do reloxeiro”, creada no portal www.culturagalega.org, do Consello da Cultura Galega, institución que en 2006 xa publicou unha primeira serie dos artigos de Xurxo Mariño baixo o título “Os dados do reloxeiro”.

Da totalidade da edición, tres mil exemplares, a maior parte serán distribuídos nos centros de ensino grazas ó apoio da Dirección Xeral de I+D+I (IN.CI.TE.) que xa colaborou co Consello da Cultura Galega no ciclo de conferencias “Cultura conciencia” co obxectivo de espertar o interese pola ciencia e divulgar algúns dos seus contidos.

Tags:

 
1